Convidámosvos a tod@s @s afeccionad@s á astronomía e á observación de fauna a participar na primeira “Noite de Alcaián”, a celebrar o venres 28 de xullo de 2023 a carón da lagoa de Alcaián, situada na parroquia de Seavia, no concello de Coristanco. Esta actividade enmárcase nas actividades de Custodia do Territorio que o G. N. Hábitat desenvolve neste espazo natural.
Esta “Noite de Alcaián” consistirá en dúas actividades: primeiro, unha hora de observación do ceo nocturno (estrelas, planetas, galaxias, nebulosas) da man do experto astrónomo Óscar Blanco Varela, director do Centro Astronómico de Trevinca (A Veiga, Ourense). Logo, tamén durante unha hora, actividade de observación e escoita de fauna nocturna (grilos, anfibios, mamíferos -incluíndo morcegos-, aves nocturnas) da man dos socios do G. N. Hábitat e biólogos Antón Vázquez Corral e Cosme Damián Romay Cousido.
A xornada terá lugar o vindeiro venres, 28 de xullo, de 22:30 a 00:30h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
Tes ata o xoves 27 de xullo, ás 22h, para inscribirte.
Custo da xornada:
- Socios do G.N. Hábitat: 8€
- Non Socios do G.N.Hábitat: 15€
Actividade para maiores de 8 anos.
Unha vez inscrito na actividade, no correo de reserva de praza que te enviaremos recibirás as instrucións necesarias para realizar o abono.
É importante que lembres que para asistir a estas actividades é necesaria a inscrición previa e o pago por anticipado. Non se admitirán na actividade a persoas non apuntadas ou que non fixesen o pago no prazo establecido.
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment