Seguimos coas nosas actividades de Hábitat Protexe! Este domingo, 2 de abril do 2023, de 10:30 a 13:00h (aprox), e da man do noso compañeiro Andrés Pereira, levaremos a cabo un obradoiro de elaboración de cadernos de campo artesanais, onde os participantes farán e personalizarán a man cadansúa libreta. 

Nun mundo cada vez máis dixital, con multitude de recursos e aplicacións ao noso alcance que facilitan sen dúbida a aprendizaxe no ámbito ambiental, o caderno de campo tradicional (libreta, papel e lapis) continúa sendo unha ferramenta moi útil para iniciarse no mundo do naturalismo, xa que nos permite coller bos hábitos á hora de rexistrar as observacións que fagamos nas nosas saídas de campo, practicar o debuxo da natureza, e mesmo servirnos de pequeno banco de mostras onde gardar plumas, follas, pelos e demais elementos que nos permitan avanzar no noso coñecemento da flora e fauna que nos rodea. E que mellor que comezar facendo o noso propio caderno!

Reutilizaremos materiais para facer as tapas, empregaremos follas de papel reciclado e aprenderemos unha técnica de costura con fío natural para encadernar as nosas libretas. Finalmente, decoraremos os cadernos segundo máis nos guste e poderemos levalos connosco para casa, listos para enchelos de anotacións nas nosas saídas de campo… Abofé que pasaremos un rato entretidos!

O obradoiro se densenvolverá no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. Para poder asistir tes que inscribirte neste formulario:

Tes ata o sábado, 1 de abril do 2023, ás 14h, para inscribirte!

Logo no correo de confirmación recibirás as instrucións para realizar o abono:

  • Socios G.N. Hábitat: 5€
  • Non socios G.N. Hábitat:
    • Nenos (menores de 14 anos): 8€
    • Adultos (maiores de 14 anos): 10€

Se quixeses aportar máis cantidade ao proxecto ao que se destinarán os fondos será moi ben recibido, axudará a protexer o noso patrimonio natural.

O recadado destinarase á Custodia do Territorio e á Defensa Ambiental a través do Proxecto Vixías. Con esta iniciativa queremos seguir loitando con máis forza para protexer os nosos espazos naturais e a biodiversidade das constantes perturbacións ás que se ven sometidos. 

É importante que lembres que para asistir a estas actividades é necesaria a inscrición previa e o pago por anticipado. Non se admitirán na actividade a persoas non apuntadas ou que non fixesen o pago no prazo establecido.

Todos os participantes recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade. Os materiais necesarios para o desenvolvemento do obradoiro serán postos a disposición polo G.N.Hábitat.

A xornada está dirixida a persoas de calquera idade, participen de xeito particular ou colectivo (en familia), e pensada principalmente para os máis novos. Así e todo, algúns dos pasos para a elaboración dos cadernos, como é o caso da costura, requiren de certa atención e habilidade, sendo os rapaces duns 13 anos en diante os que poderán levar a cabo as tarefas de xeito autónomo con máis facilidade (os máis novos precisarán seguramente da axuda dun adulto).

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!