Os días 3 e 4 de outubro celebrase o Día das Aves 2020. Ao igual que o ano pasado faremos actividades os dous días para que tod@s poidamos desfrutar e aprender destes animais e divulgar a súa importancia nos nosos ecosistemas e na nosa contorna. 

O G.N.Hábitat leva dende os seus comezos loitando pola conservación dos espazos nos que as aves invernan, crían ou pasan todo o ano con nós e son tan esenciais para elas. Por iso, voluntarios do G.N. Hábitat imos dividirnos en varios espazos especiais para a observación de aves para que tod@s nós poidamos gozar delas e ademais axudar a conservar o noso Patrimonio Natural con Hábitat Protexe.

O sábado, 3 de outubro do 2020, acompañaremos ao Grupo de anelamento Hércules de 09:30h a 13h nunha xornada de anelamento científico de aves, na súa estación de esforzo constante no Estuario do Anllóns, en Ponteceso. Unha oportunidade única para poder ver de preto o impagable traballo que levan a cabo os nosos grupos de anelamento para aumentar o coñecemento sobre as aves que nos rodean.

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación (10 prazas).

  • Soci@s G.N. Hábitat: Gratuíto (as cotas de socio do G.N.Hábitat xa aportan anualmente a entidades de custodia).
  • Nen@s (menores de 14 anos): 5€
  • Adult@s (maiores de 14 anos): 8€

O domingo, 4 de outubro do 2020, de 10:30h a 13:30h, realizaremos varias xornadas de INICIACIÓN ÁS AVES en varias localizacións:

  • Torre de Hércules.
  • Ría do Burgo.
  • Complexo dunar Razo – Baldaio.
  • Encoro de Abegondo-Cecebre.
  • Ría de Betanzos – Pazo de Mariñan.

Estas actividades serán guiadas por ornitólogos voluntarios do G.N. Hábitat. 

As prazas son limitadas (10 prazas en cada punto). Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. 

  • Soci@s G.N. Hábitat e da Sociedade Galega de Historia Natural: Gratuíto (as cotas de socio do G.N.Hábitat xa aportan anualmente a entidades de custodia).
  • Nen@s (menores de 14 anos): 3€
  • Adult@s (maiores de 14 anos): 5€

Para poder asistir a estas actividades tes que inscribirte neste formulario:

Tes ata o xoves, 1 de outubro, para inscribirte!!!

No correo de reserva de praza recibirás as instrucións para realizar o abono.

Coma todas as accións anteriores de Hábitat Protexe, o recadado irá destinado INTEGRAMENTE a entidades de custodia do territorio. Nesta ocasión todo o que se recade destinarase ás tres entidades que levamos traballando este ano: 

  • Fundación Fragas do Mandeo (FFM). Esta entidade foi fundada no 2010 có obxectivo adquirir e custodiar parcelas de alto valor ambiental en As Mariñas (A Coruña), en especial no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Actualmente, FFM ten en custodia 268.340 m2, en lugares como o Monte da Espenuca (Coirós), a Lagoa de Sobrado (Sobrado dos Monxes) ou ribeiras de ríos coma o Mandeo (Aranga) ou o Mendo (Oza-Cesuras).
  •  BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico. Esta entidade traballa arreo na conservación do bosque atlántico, facendo fincapé nas Fragas do Eume
  • Asociación Galega de Custodia do Territorio, constituída en Rábade (Lugo) e que conta hoxe día con múltiples acordos na xeografía galega, valéndose sempre da custodia do territorio como ferramenta para a conservación e recuperación do patrimonio natural. 

É importante que recordes que para asistir a estas actividades é necesaria a inscrición previa e o pago por anticipado. Non se admitirán na actividade a persoas non apuntadas ou que non fixesen o pago no prazo establecido. 

Todos os participantes contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Todos os participantes recibirán un lote de agasallos naturalistas en agradecemento pola súa asistencia.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!