Os días 28 e 29 de xuño de 2025 volveremos aos Ancares para participar no III Bioblitz de Piornedo, unha nova edición desta actividade participativa de ciencia cidadá que busca descubrir e inventariar a biodiversidade local deste enclave privilexiado do concello de Cervantes (Lugo).

Durante toda a fin de semana, expertas e persoas afeccionadas no eido da natureza compartiremos coñecemento en saídas de campo, obradoiros e actividades abertas a todos os públicos. Desde o Grupo Naturalista Hábitat sumámonos, un ano máis, a esta experiencia que une divulgación, conservación e aprendizaxe colaborativa no corazón dos Ancares, unha das zonas de maior riqueza ecolóxica e cultural de Galicia.

Este Bioblitz está organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, coa colaboración doutras entidades como a Sociedade Micolóxica Lucus, Os Ancares Lucenses Reserva da Biosfera, a Deputación de Lugo e o propio Grupo Naturalista Hábitat.