Desde o ano 2016, no Grupo Naturalista Hábitat colaboramos con outras entidades como Senda Nova para facer o seguimento dos niños da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) na praia de Razo-Baldaio, en Carballo. Este traballo é posible grazas ao esforzo de voluntarios e voluntarias que percorren a praia para avaliar a tempada reprodutiva da especie e avisar a Conservación da Natureza para protexer os niños fronte a depredadores.

Cantos máis ollos estean vixiando, mellor será o seguimento da píllara das dunas. Por iso, queremos ofrecer unha formación para todas as persoas interesadas en colaborar neste proxecto de conservación. A formación estará a cargo de Roberto Vidal, coordinador do Grupo de Traballo da Píllara das Dunas do G.N. Hábitat, quen explicará todo o necesario para participar como voluntario/a na protección da especie en Galicia.

O programa formativo consta dunha charla o venres, 4 de abril de 2025, ás 20:30 h, no local social do G.N. Hábitat, e dunha saída práctica o sábado, 5 de abril de 2025, ás 09:30 h, na praia de Baldaio (Carballo). Será de balde e aberta ao público. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Se queres aportar o teu gran de area á conservación da píllara das dunas, anímate a participar!