Este venres convidamoste a participar connosco nunha nova edición de “Falando de natureza”. Nesta ocasión coñeceremos as novidades sobre as especies exóticas invasoras de algas que detectamos na nosa costa. Faremos fincapé nunha das máis recentes e problemáticas, trátase da alga asiática Rugulopteryx okamurae. Coñeceremos caracteres que nos axudan a identificala, detalles do seu ciclo biolóxico, a súa distribución actual e os problemas que xera no ecosistema.
O encargado de poñernos ao día sobre as ameazas das algas invasoras será Antón Vázquez Arias, biólogo e investigador no Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela. Recentemente defendeu a súa tese de doutoramento sobre a interacción entre a contaminación costeira por metais e as algas pardas e na actualidade estuda a taxonomía das algas e a bioloxía de especies invasoras, especialmente Rugulopteryx okamurae.
O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o venres 9 de maio, ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat. Para a asistencia e participación neste formato presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Agradécese a asistencia do público no local, xa que teremos a sorte de contar connosco ao relator na xornada. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar libremente ao directo a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.
Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Leave A Comment