Logo do éxito alcanzado nas pasadas edicións, o Concello de Carballo lanza de novo o programa Eu Quero Razo – Baldaio, que pretende crear hábitos de turismo consciente na contorna litoral, fomentar a participación cidadá e acadar a valorización deste espazo natural protexido. Nesta campaña 2021 o G.N. Hábitat, Senda Nova e ADEGA, seremos unha vez máis as entidades ambientais encargadas do desenvolvemento das actividades programadas, conformando unha ampla proposta a prol da natureza nesta contorna.
Presentación oficial da campaña 2021 do proxecto Eu Quero Razo – Baldaio (30/06/2021. Imaxe © Concello de Carballo)
Continuando co espírito e o obxectivo de que canto máis se coñeza máis se respecte, Concello e asociacións levaremos a cabo diversas xornadas divulgativas e de voluntariado ambiental ao longo dos meses de xullo e agosto do 2021. Un bimestre cheo de actividades, nun fermoso marco natural. Todas as accións serán abertas ao público e de balde, así e todo, as prazas estarán limitadas (sendo imprescindible para a participación facer a inscrición previa a través dos formularios online habilitados para cada unha delas), e deberán respectarse en todo caso as medidas de prevención e seguridade derivadas da situación de emerxencia sanitaria.
Toda a información detallada do proxecto “Eu quero Razo – Baldaio” (programa completo de actividades 2021, axenda, cartel, horarios, datas e formularios de inscrición) está dispoñible na web oficial habilitada polo Concello de Carballo…Non deixes de visitala!
O G.N.Hábitat, ligado a Baldaio dende fai xa moitos anos, será o encargado de levar a cabo un total de 6 actividades, coas que forneceremos o coñecemento sobre a diversidade de flora e fauna vencellada a este espazo:
Xullo
- Sábado 10: Flora e fauna das contornas dunares.
- Mércores 28 : A noite das avelaiñas.
Agosto
- Mércores 4: Flora e fauna das contornas dunares.
- Mércores 18: Iniciación á ornitoloxía.
- Sábado 21: Obradoiro de biodiversidade.
- Sábado 28: Iniciación á ornitoloxía.
Na web poderás consultar en detalle todas estas actividades, así como descargar un pdf con documentación complementaria para cada unha delas.
Visita a web do proxecto, anótate nas actividades que desexes e…vémonos no campo!


Leave A Comment