CartelEncontrosNaturalistas_abril2017.pptx

Neste mes de abril, aproveitando o 10 aniversario da publicación do Decreto 88/2007, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, celebramos unha nova xornada dos nosos Encontros Naturalistas onde analizaremos a súa situación actual da man de expertos na flora e fauna da nosa comunidade:

  •  Xabier Vázquez Pumariño. Biólogo ambiental, vencellado ao movemento ecoloxista dende principios dos 80. Traballa como consultor ambiental dende Santiago de Compostela en diferentes eidos, dende a ornitoloxía ao desenvolvemento sostible e a cooperación ao desenvolvemento en diferentes países latinoamericanos.
  • Roi Carballal. Biólogo. Desenvolve a súa labor profesional vinculado ao Grupo de Investigación Biodiversidade e Conservación de Plantas Vasculares, participando en proxectos dirixidos á conservación da flora de Galicia e Norte de Portugal, así como ao seu estudo taxonómico e bioxeográfico.
  • Cosme Damián Romay Cousido. Biólogo. Actualmente está a realizar a súa tese de doutoramento na Universidade
    da Coruña sobre taxonomía, bioxeografía e conservación das aves de Galicia. Ten escrito unha trintena de artigos sobre fauna, ademáis de ser autor ou coautor de varios libros de temática naturalista.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro mércores 19 de abril ás 20:30h no noso local social. Así e todo, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

Acceso ao formulario de inscrición

As prazas son limitadas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada. En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada

Anímate e ven connosco!