Continuamos os nosos Encontros Naturalistas cunha emocionante e moi interesante visita dos compañeiros da Asociación Biomas, entidade implicada na formación ambiental e a conservación da natureza máis aló das nosas fronteiras. Integrada por profesionais de ampla experiencia e espírito naturalista, Bio+ centra a súa actividade na organización e incorporación de cursos de campo en diferentes países, co obxectivo de formar a futuros profesionais do eido da bioloxía da conservación nas ferramentas e técnicas máis utilizadas para o estudo e mantemento da vida silvestre. Froito do seu traballo, Bio+ ten desenvolvido máis dunha vintena de cursos en espazos naturais de Kenia, Marruecos, Costa Rica, México, Uganda e España, avanzando tamén en acordos con profesionais e institucións académicas, apoiando proxectos de investigación, e tantas outras accións que de seguro nos contarán na súa visita ao G.N. Hábitat.

O relatorio virá a cargo de Lara Carrasco Pesquera, veterinaria, Doctora en comportamento animal e máster oficial en primatoloxía. Hoxe día, Lara combina o seu traballo como profesora na Universidade Alfonso X el Sabio coa súa labor na Asociación Biomas, onde dirixe e imparte o curso de campo denominado “Primatoloxía en Uganda”, e impulsa novos proxectos de investigación centrados neste grupo e a súa conservación. Así mesmo, colabora activamente con GREFA (hospital de fauna autóctona de Majadahonda – Madrid-) participando en varios dos seus proxectos de conservación de fauna. Ao longo da súa carreira profesional, Lara ten realizado estancias en diversos centros nacionais e internacionais (Rainfer, Fundación Mona, santuario de chimpancés de Chimfunshi Wildlife Orphanage -Zambia-, Ngamba Island Chimpanzee Sanctuary -Uganda-, Mpala Research Centre -Kenia-), publicado en revistas especializadas e impartido comunicacións en congresos, cursos e seminarios. Sen dúbida, un pracer poder contar coa súa presenza.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro domingo 7 de outubro ás 18h no noso local social (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

 

Acceso ao formulario de inscrición

 

As prazas son limitadas, tendo preferencia os socios do G.N.Hábitat. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!