O vindeiro sábado, 7 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Cirrio, no Grupo Naturalista Hábitat continuamos cos Encontros Naturalistas cunha xornada de observación de aves urbanas. Desta volta achegarémonos ao Parrote, na zona portuaria da cidade da Coruña, para desfrutar dunha actividade de iniciación á ornitoloxía. Por moi sorprendente que poda parecer, moitas especies de aves escollen os ambientes humanizados como hábitat. Algunhas delas como o cirrio euroasiático adaptáronse aos ocos dos muros das nosas edificacións, para situar os seus niños. Centraremos a xornada nos cirrios, unha ave fascinante que pasa practicamente toda a vida no aire, pero tamén coñeceremos a comunidade aviar que os acompaña na cidade e que vai moito máis alá de pombas, pardais e gaivotas.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o sábado 7 de xuño, de 10:00 a 13:00h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado.
As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición ata completar o aforo máximo. O feito de cubrir o formulario non garante a praza na actividade, xa que esta deberá ser confirmada por parte do G.N. Hábitat a través do correo electrónico facilitado na inscrición.
As persoas que reciban a confirmación por email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da actividade. Ademais, recibirán por esa mesma vía toda a información e recomendacións necesarias para poder desfrutar da xornada con seguridade.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Ven a descubrir connosco as nosas aves urbanas!!

Leave A Comment