Tal día coma este sábado, 12 de febreiro, no ano 1809, nacía o gran naturalista inglés Charles Darwin. Por iso queremos celebralo facendo unha xornada dobre de Encontros Naturalistas para que xunt@s desfrutemos das aves e da natureza nun paseo pola costa do concello de A Coruña e nunha observación de aves na Ría de Betanzos.

As xornadas terán lugar o vindeiro sábado, 12 de febreiro do 2022, de 10:30 a 13:30h. Son de balde e abertas ao público. Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado.

No concello da Coruña faremos un breve itinerario pola costa coruñesa, camiñando pola beiramar o treito que separa O Portiño do ascensor do Monte de San Pedro (ida e volta). Faremos unha ruta pausada, de conversa entre os asistentes, aproveitando o percorrido (ver imaxe) para falar de flora, fauna, e de todo aquilo que nos depare a mañá, sen deixar de botarlle un ollo ás veciñas Illas de San Pedro, declaradas Espazo Natural de Interese Local.

 

Serán en total uns 4 km de camiño, que iremos adaptando en función das necesidades e requirimentos do grupo asistente, e do propio desenvolvemento da xornada. Un trazado de baixa dificultade, aproveitando o paseo e camiños existentes na contorna.

 

Na Ría de Betanzos poderemos admirar tanto as aves acuáticas invernantes como as pequenas aves forestais ao longo dun pequeno roteiro polos arredores do Pazo de Mariñan, con todo isto pretendemos amosar a riqueza ornitolóxica presente nesta enseada e poñer en valor este fermoso espazo. Un dos máis recomendados para visitar polos amantes da ornitoloxía.

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

As actividades e os participantes nas mesmas respectarán as medidas que fosen establecidas pola autoridade competente, no marco da situación de emerxencia sanitaria derivada da COVID-19.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!