Nos Encontros Naturalistas de marzo do 2019 realizarase no noso local a presentación dun proxecto da Universidade da Coruña. Dito estudo conta co apoio da Fundación Biodiversidade e que ten como obxectivo desenvolver ferramentas que axuden a orientar os esforzos de conservación en Zonas Especiais de Conservación ( ZEC) da Rede Natura 2000, para que o impacto do cambio climático en curso sobre a perda de biodiversidade poida ser minimizado. A charla correrá a cargo de: Horacio Naveira, Pedro Galán, Martiño Cabana, Sergio Baamonde, Elvira Santiago e Fernando Bandín.

Os obxectivos específicos do proxecto inclúen:

  1. Determinar na ZEC Betanzos-Mandeo as preferencias de hábitat e os patróns de dispersión de dúas especies indicadoras de vertebrados terrestres ameazados (a saramaganta, Chioglossa  lusitanica, e a lagartixa da serra, Iberolacerta monticola), particularmente sensibles aos cambios ambientais;
  2. Estimar os niveis de fluxo xénico entre diferentes áreas da ZEC, coa axuda de milleiros de marcadores dispersos por todo o xenoma das especies estudadas;
  3. Facer unha cartografía a escala fina de hábitats adecuados para estas especies;
  4. Modelar a conectividade da paisaxe coa axuda da teledetección e de sistemas de información xeográfica;
  5. Predicir as consecuencias da modificación de elementos clave da paisaxe sobre a distribución das especies;
  6. Avaliar a actitude da sociedade local cara ás medidas de protección do medio ambiente que teñen por escenario a ZEC, e a política de axudas destinadas a este fin;
  7. E, establecer prioridades nas accións de custodia do territorio que poida desenvolver a fundación Fragas do Mandeo, en función de canto contribúan a frear a fragmentación das poboacións.

 

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro venres, 1 de marzo ás 20:30h. Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

Acceso ao formulario de inscrición

 

As prazas son limitadas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada. En calquera caso, seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!