A Sociedad Ibérica para la Conservación y Estudio de los Mamíferos (SECEM) está a elaborar un novo atlas dos mamíferos de España, que será o herdeiro do publicado en 2007. Dentro dos traballos relacionados co atlas, destacan a recopilación de citas mediante plataformas de ciencia cidadá (en especial Observation.org e iNaturalist.org), pero tamén a diversos tipos de mostraxes de campo. Para compilar información sobre micromamíferos, a SECEM lanzou o proxecto SEMICE. Desde Hábitat, e dentro do Proxecto Noucho, queremos contribuír coa SECEM e SEMICE con este taller teórico-práctico no que: 1) coñeceremos a motivación e metodoloxía dos atlas de mamíferos, 2) afondaremos nas plataformas de ciencia cidadá asociadas a este, e 3) contribuiremos ao proxecto SEMICE mediante a identificación de restos de micromamíferos en egagrópilas de rapinas nocturnas de varios puntos da xeografía galega.
Este taller terá lugar o vindeiro martes, 2 de setembro, de 19:00 a 21:30 h, e será de balde e aberto ao público. Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment