Neste mes de agosto dedicamos os Encontros Naturalistas á memoria de Javier Bande Díaz, socio do G.N. Hábitat e entomólogo con moitos anos de experiencia no campo dos lepidópteros. Foron moitas as noites compartidas con el ao carón dunha lámpada observando e descubrindo as marabillas das avelaíñas que a noite nos oculta coa súa escuridade.
Dende aquí o noso recordo e agradecemento por todos os coñecementos que el nos brindou.
Por todo isto, convidámosvos a que este vindeiro sábado vos acheguedes a este abraiante mundo das bolboretas nocturnas. Comezaremos cunha charla introdutoria sobre estes insectos e poderemos observar unha mostra do traballo do noso compañeiro Javier ao longo de moitos anos de adicación ao seu estudo. E a continuación, realizaremos unha mostraxe dos lepidópteros da contorna do embalse de Abegondo-Cecebre, que tantos anos levaba estudando Javier.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro sábado 18 de agosto ás 20:00h na aula de natureza de Crendes (Abegondo) e, a posterior saída realizarase na contorna do encoro. Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!
Colabora:
Leave A Comment