Dende o Grupo Naturalista Hábitat vimos de presentar un escrito conforme a denuncia sobre as alteracións que afectan a hábitats prioritarios no sistema dunar da praia de Barrañán (Arteixo. A Coruña), perante as seguintes Administracións:

  • Demarcación de Costas do Estado en Galicia.
  • Servizo de Conservación da Natureza, Delegación Provincial da Coruña (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Xunta de Galicia).
  • Concello de Arteixo.

A continuación reproducimos o texto da devandita denuncia:

FEITOS

PRIMEIRO

Que con data 23/5/2019 o GN Hábitat ten coñecemento da realización de alteracións no sistema dunar de Barrañán, dentro do ZEC Costa da Morte.

SEGUNDO

Que como resposta inmediata membros do GN Hábitat se desprazan ao lugar indicando, comprobando que efectivamente se están realizando actuacións no sistema dunar. Ditas actuacións inclúen alteración de dito sistema por verquido de sólidos (area procedente de zonas alleas ao espazo), circulación de maquinaria pesada, enterramento das comunidades vexetais, alteración do perfil das dunas e alteración da propia xeometría e distribución das masas de area.

TERCEIRO

Que o sistema dunar de Barrañán está integrando no ZEC Costa da Morte. Que na zona suxeito das alteracións (como se pode verificar nas imaxes adxuntas a esta denuncia) está presente o hábitat prioritario:

2130* Dunas fixas costeiras con vexetación herbácea (dunas grises)

FUNDAMENTOS DE DEREITO

  • A Directiva 92/43 CEE establece, no seu artigo 6 que, para a realización de calquera plan ou proxecto en lugares que alberguen un hábitat prioritario só poderán alegarse consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente ou, previa consulta á Comisión, razóns imperiosas de interese público de primeira orde.
  • A Lei 42/2007 establece no seu artigo 46, de medidas de conservación da rede Natura 2000, que “calquera plan, programa ou proxecto… que poida afectar de forma apreciable ás especies ou hábitats… se someterá a unha adecuada avaliación das súas repercusións…
  • A Lei 1/1995, de 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia establece no seu artigo 6 que os plans, programas e modificacións que se aproben ou adopten por unha administración pública serán obxecto dunha Avaliación ambiental estratéxica, cando –entre outros casos– requiran unha avaliación por afectar a espazos Rede Natura 2000 nos termos previstos pola lei 42/2007, de 13 de decembro de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

Así mesmo indica no seu Artigo 16 que o promotor debe garantir que os documentos iniciais estratéxicos, o estudo ambiental estratéxico e o documento ambiental estratéxico deben ser realizados por persoas que posúan a capacidade técnica suficiente de conformidade coas normas sobre cualificacións profesionais e da educación superior, e que terán a calidade e exhaustividade necesarias para cumplir coas esixencias de dita lei.

No artigo 41 de dita lei establécese que “naqueles casos en que exista risco grave ou inminente para o Medio Ambiente, o órgano competente poderá ordenar, á vez que acorda a apertura de expediente, a suspensión inmediata da actividade…

  • A lei 19/2013 de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno establece a obriga das entidades de dereito público a proporcionar acceso a información pública.
  • O “principio de precaución” esixe que, no caso de ameaza para o medio ambiente se tomen as medidas apropiadas para evitalo. Dito principio recóllese, entre outros, na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento de 1992 (Declaración de Río: principio 15); No preámbulo do Convenio sobre Diversidade Biolóxica de 1992; no Convenio de París para a Protección do Medio Mariño do Atlántico Nordeste de 1992; No tratado de Maastrich sobre a Unión Europea de 1994; No tratado de Amsterdam de 1997; na Comunicación da Comisión Europea sobre o recurso ao principio de precaución COM(2000)1, aprobada por Resolución do Parlamento Europeo o 14/14/200 ou na Conferencia dos representantes dos gobernos dos estados membros, tratado polo que se establece unha Constitución para Europa (2004).

Polo anteriormente exposto, o Grupo Naturalista Hábitat

SOLICITA

  • Que se teña por presentada esta denuncia, polos feitos contidos no presente escrito, e previos os trámites que procedan:
  • Que se leve a cabo a detención inmediata das obras aplicando o principio de precaución e o Artículo 41 da Lei 1/1995.
  • Que se verifique o cumprimento de todos os requerimentos en relación a realización, aprobación, publicidade e outros que estableza a normativa vixente sobre a existencia e, no seu caso, adecuación da avaliación ambiental das actuacións aquí denunciadas.
  • A investigación, establecemento de responsabilidades e sanción, se fora o caso, de calquera incumprimento en relación á normativa aplicable as actuacións denunciadas.
  • A retirada de todo o material verquido e a “volta ao estado anterior”, segundo establece o Artigo 42 da Lei 1/1995.
  • A comunicación ao Grupo Naturalista Hábitat, mediante a dirección denuncia@gnhabitat.org da iniciación, evolución e conclusión do acto/s e ou procedemento/s administrativos en relación coa presente denuncia.

E para que conste aos efectos oportunos, asino o presente documento

En  A Coruña, a 24 de maio do 2019.

Ado:              Ricardo Ferreiro Sanjurjo

Presidente do Grupo Naturalista Hábitat

 

*Imaxes: Santiago Vázquez Casás