final

O vindeiro domingo 22 de maio ás 11 h, coincidindo co Día Internacional da Diversidade Biolóxica, está prevista a realización do “I Correcán Solidario CanCoruña 2016”, actividade que consistirá nunha carreira popular pola contorna da Torre de Hércules (incluida como carreira oficial da Federación Galega de Atletismo) na que os participantes, acompañados dos seus cans, percorrerán os sendeiros nun roteiro aproximado duns 2 km.

As consideracións a ter en conta respecto desta iniciativa non deben pasar unicamente polo cumprimento da normativa vixente en relación á tenza e protección dos animais, cuestión que consideramos será respectada en todo momento pola organización e os participantes na xornada, coa supervisión das autoridades competentes, senón tamén pola necesidade da concienciación cidadá e o coñecemento das repercusións que este tipo de actividades poden supoñer nun espazo natural tan salientable como é a contorna da Torre de Hércules e Punta Herminia, non exenta xa de ameazas. Este exercicio de coñecemento dos valores naturais dun espazo no que desexemos levar a cabo unha actividade de gran afluencia de público permitirá valorar, máis aló da mero cumprimento da lexislación, a idoneidade da súa posta en marcha nos termos que teñamos pensado.

Falamos en todo caso de compatibilizar, non de prohibir, a realización de actividades ao aire libre coa conservación do patrimonio natural, que como ben de todos debemos coidar e legar ás vindeiras xeracións nas mellores condicións posibles.

É de sobra coñecido o beneficio de realizar actividades no campo, deportivas ou non, e o positivo de gozar das nosas mascotas dun xeito apropiado, mais debemos darnos conta de que son moitas as especies silvestres de aves, mamíferos, réptiles, anfibios, insectos, plantas, entre outras, que comparten espazo connosco, acubillándose, alimentándose e mesmo criando nas nosas charcas, sebes, muros e prados, e que fornecen a nosa biodiversidade.

Algúns datos concretos:

A contorna da Torre de Hércules destaca non soamente polo seu valor cultural e histórico, senón tamén polo seu valor natural grazas á presenza de hábitats de toxeira, prado, cantil, praia, coído, sebes e charcas permantes e estacionais, que atraen comunidades anfibias, como o sapiño pintoxo (Discoglossus galganoi), poboacións “relictas” de mamíferos como o ourizo cacho (Erinaceus europaeus) e réptiles como a lagarta galega (Podarcis bocagei), ao tempo que presenza ocasional de aves moi relevantes como a cotovía dos camiños (Galerida cristata), choia (Phyrrhocorax phyrrhocorax) e tamén de peto formigueiro (Jynx torquilla), ademais dunha densidade reprodutora de lavandeira marela (Motacilla flava), entre moitas outras. Así mesmo, e a pesar de que non se lle tende a prestar a suficiente atención, resulta relevante a presencia de invertebrados nesta zona, sendo un bo exemplo a diversidade de lepidópteros presentes no contorno da Torre, xa posta de manifesto na bibliografía científica.

Compre sinalar que neste mes de maio, data de celabración do I Correcán, supón a epoca onde as especies que aniñan nesta contorna estan en plena tempada reproductiva. O Picaxuncos común (Cisticola juncidis), que cría nas praderías; o Liñaceiro común (Carduelis cannabina) e o Chasco común (Saxicola torquata), que aniñan nas pequenas toxeiras; así como o Paporrubio común (Erithacus rubecula), o Merlo común (Turdus merula) e a Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla), que crían nas pequenas sebes da contorna, sen nomear a cantidade de especies que se alimentan na zona pero que non aniñan, tales como o Lagarteiro (Falco tinnuculus), entre moitras outras. Mais non todo son aves, en estudos anteriores levados a cabo polo G.N.Hábitat nesta contorna puidéronse localizar máis de 50 especies de vertebrados e máis de 100 especies de plantas na zona, o que pon de manifesto a súa relevancia natural.

De entre a totalidade de especies de fauna e flora presentes na Torre atópanse algunhas protexidas pola lexislación vixente e incluidas no “Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial”, con casos de especial relevancia como o da xa citada lavandeira amarela, agora mesmo en tempada de cría nas praderías da contorna.

En resumo:

Que a compatibilización de uso dos espazos públicos pódese facer, mais debemos tener en conta todos os factores que leven a optimizar o goce das actividades ao aire libre e minimizar os posibles impactos á flora, fauna e xea da súa posta en marcha.

Neste liña, maio áchase como unha elección non axeitada para a realización desta actividade, que sen dúbida atraerá a moitos participantes e as súas mascotas, e cuxo impacto nas especies silvestres que alí se atopen pode ser relevante. O simple feito de trasladala de data, evitando a tempada de cría de moitas especies, tivera sido unha boa decisión, a cal permitiría igualmente a realización da actividade e a minimización dos riscos aos valores naturais presentes na contorna. De man dos organizadores, participantes e autoridades estará o velar por estas cuestións. Así todo, dende Hábitat agardamos que os organismos implicados teñan en conta estas consideracións en futuras convocatorias ou actividades similares nas proximidades da Torre de Hércules.

Para máis información:

  • Ley 1/1993, de 13 de abril, de Protección de Animales Domésticos y Salvajes en Cautividad.
  • Ley 50/1999, de 23 de diciembre, y Real Decreto 287/2002, de 22 de marzo, sobre el Régimen Jurídico de la Tenencia de Animales Potencialmente Peligrosos.
  • Ordeanza Municipal para a protección e tenza de Animais (OMA). BOP nº 143 de 24/6/1997.
  • Ley 9/2001, del 21 de agosto, de Conservación de la Natureza.
  • Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del patrimonio natural y de la biodiversidad, y Ley 33/2015, de 21 de septiembre, por la que se modifica la anterior.

Saúde e natureza.