A vindeira semana falaremos de novo das raíñas da noite: as nosas benqueridas rapinas nocturnas. Nesta ocasión abordaremos tanto a identificación e ecoloxía das sete especies presentes en Galicia (isto é, curuxas, mouchos e bufos), como as accións prácticas para axudalas na súa nidificación (situación e deseño de caixas-niño, consellos de remodelación de edificios, seguimento directo e remoto, etc.). E para falarnos de todo isto, contaremos con:
- Cosme D. Romay: biólogo. Inmerso na realización da súa tese de doutoramento “Taxonomía, bioxeografía e conservación das aves de Galicia“ no programa de Bioloxía Celular e Molecular da Universidade da Coruña. Autor de varios libros e de decenas de artigos sobre aves, domina o campo da ornitoloxía no seu conxunto.
- Santiago Vázquez: ornitólogo experimentado e apaixoado das rapinas nocturnas. Traballa dende fai tempo na compilación de información sobre estas aves no territorio galego. Hoxe día ocupa o cargo de Vicepresidente do G.N.Hábitat, onde leva desenvolvidas numerosas xornadas formativas e divulgativas sobre avifauna.
A xornada establécese no marco do Proxecto Noucho, iniciativa do Grupo Naturalista Hábitat que pretende, entre outros obxectivos, afondar no estudo, a posta en valor e a conservación deste enigmático grupo de aves vencellado á noite. Poderás atopar máis información sobre o proxecto accedendo ao seguinte apartado da nosa web
A charla, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro luns 19 de decembro, ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). Para a asistencia e participación neste formato presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Agradécese a asistencia do público de xeito presencial, xa que teremos a oportunidade de ter en persoa connosco aos relatores. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.
Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Agardámoste!
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Leave A Comment