Cartel post_2

Hoxe xoves 18 de maio, o Concello da Coruña ven de notificar á empresa promotora das obras de rehabilitación do edificio situado en rúa Nova nº2 (A Coruña) que debe proceder á retirada inmediata da rede protectora colocada no edificio, logo da súa afectación á colonia de cirrios nidificante neste inmoble. A notificación prodúcese en cumprimento do requerimento formulado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, autoridade competente no relativo á protección das Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial.

O pasado venres 5 de maio varias entidades emitimos un informe expoñendo esta situación, indicando a afección destas obras na colonia de cirrio común (Apus apus) e cirrio pálido (Apus pallidus) que alí aniña, e solicitando á Administración competente que actuase tendo en conta unha serie de consideracións en prol da conservación desta colonia, cuxas especies se atopan legalmente protexidas, tantos os propios exemplares como os seus niños.

Dende o G.N.Hábitat alegrámonos enormemente desta noticia, entendendo que a Administración está a tomar as medidas necesarias para asegurar o presente e o futuro desta colonia, emblemática na cidade da Coruña e que forma parte do patrimonio natural de todos nós, agradecendo os esforzos investidos por todos os implicados.

  • Para ampliar a información pódese consultar a noticia publicada en data 5 de maio, onde se da acceso ao informe emitido polo G.N.Hábitat, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Sociedade Española de Ornitoloxía (Grupo Local de Pontevedra): acceso á noticia

Saúde e natureza!