
Dende o Grupo Naturalista Hábitat, valoramos o arquivo do proxecto de celulosa impulsado por Altri, coa colaboración de Greenalia, en Palas de Rei (Lugo).
A decisión da Xunta de Galicia de dar por finalizado o expediente deste complexo industrial de máis de 300 hectáreas prodúcese, segundo a propia administración autonómica, pola decisión do Goberno central de non garantir a conexión eléctrica necesaria para a súa posta en funcionamento. Porén, consideramos que este proxecto nacía xa con importantes eivas de base e xerou unha contestación social sen precedentes en Galicia.
Un proxecto con fortes impactos ambientais e territoriais
Entre os aspectos máis preocupantes do proxecto estaba a ocupación dunha parcela de alto valor ecolóxico. A zona fora proposta nas ampliacións (finalmente frustradas) da Rede Natura 2000 e figuraba tamén no primeiro borrador da Infraestrutura Verde de Galicia; na versión definitiva, a parcela prevista para a instalación da celulosa foi omitida.
Especies endémicas únicas no mundo, como Armeria merinoi, Santolina melidensis e Leucanthemum gallaecicum, veríanse directamente afectadas pola implantación da fábrica e polas tubaxes asociadas. Ademais, decenas doutras especies ameazadas ou protexidas e diversos hábitats de interese comunitario sufrirían tamén impactos significativos.
Auga, emisións e modelo forestal
O consumo diario de auga do macrocomplexo industrial igualaría o detraído por toda a poboación da provincia de Lugo cada día, xerando unha forte presión sobre o fráxil ecosistema do río Ulla, tanto na captación como na vertedura de augas residuais.
No ámbito atmosférico, as emisións gasosas non estaban suficientemente caracterizadas e omitíanse na análise determinados gases prexudiciais para a saúde.
En relación coa materia prima, o consumo de madeira de eucalipto por parte da planta de Altri-Greenalia incentivaría novas plantacións desta especie con comportamento invasor, que na actualidade ocupa xa unha quinta parte do territorio galego, o dobre do previsto no Plan Forestal de 1992.
Impacto social na comarca da Ulloa
O modo de vida de centos de gandeiros e labregos da comarca da Ulloa veríase seriamente ameazado pola implantación desta infraestrutura industrial no corazón de Galicia.
Dende o Grupo Naturalista Hábitat presentamos alegacións en tempo e forma tanto á captación de auga como á propia fábrica, sen recibir ata o momento resposta. Outras moitas asociacións ambientais e particulares tamén viron ignoradas as súas alegacións, nunha situación que consideramos inédita a nivel administrativo.
Mobilización social decisiva
Queremos subliñar o papel fundamental da mobilización social, con manifestacións históricas en Palas de Rei, Santiago de Compostela e A Pobra do Caramiñal, así como innumerables publicacións en prensa, redes sociais e outros medios de comunicación.
A sensibilización da opinión pública galega foi, ao noso xuízo, un elemento crítico para o arquivo deste proxecto.
Seguiremos defendendo o territorio
Finalmente, anunciamos que continuaremos impulsando accións en defensa non só da contorna de Palas de Rei, senón doutros espazos ameazados por proxectos industriais cualificados como “estratéxicos” que poden comprometer os valores ambientais do noso medio terrestre e mariño.
Leave A Comment