A Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), pequena ave limícola de apenas uns 15 centímetros, é un dos habitantes máis emblemáticos e ameazados dos nosos areais. O declive poboacional constatado nos últimos anos, unido ao reducido tamaño da poboación presente en Galicia, supúxolle pasar a formar parte do Catálogo Galego de Especies Ameazadas baixo o epígrafe de “Vulnerable” das categorías de ameaza. 

Considerando que a galega é a única poboación existente desta fermosa e fráxil especie en todo o sector cántabro-atlántico español, resulta evidente a importancia da súa protección e conservación. Con esta intención naceu no pasado ano 2016 o chamado “Grupo Píllara”, constituido por diferentes particulares, asociacións naturalistas e institucións públicas e privadas, preocupados pola situación da píllara en Galicia. O obxectivo é tan claro como complexo: procurar o éxito da Píllara da dunas na nosa comunidade. Para esto lévanse a cabo diversas accións, como o seguimentos dos areais importantes para a súa conservación e o desenvolvemento de accións divulgativas para o coñecemento e a concienciación cidadá sobre esta especie.

Nesta última liña de actuación encáixase a recente publicación “Algas varadas e vida nas praias de Galicia“, que poñemos para a súa libre descarga e difusión, e que reflicte o importante papel ecolóxico destes organismos -tan comúns nas nosas praias- na conservación da Píllara, e no ecosistema mesmo da praia.

As algas non son lixo, senón fonte de vida!

Descarga do tríptico “Algas Varadas e Vida nas Praias de Galicia”