O vindeiro “Falando de natureza” será moi especial, pois cumplindo a promesa que publicamos no pasado mes de febreiro compartiremos con todos vós a historia, anécdotas e logros do paso de fauna do encoro de Abegondo-Cecebre. Unha infraestrutura que se fixo realidade grazas aos esforzos de diversas institucións e particulares, dirixida a minimizar o impacto da rede viaria sobre a benquerida lontra (Lutra lutra).
E para acompañarnos nesta conversa contaremos con:
Nuria de Castro Pampín. Bióloga. Presentará o seu recente Traballo Fin de Grao nomeado “Patróns de uso dun paso de fauna por vertebrados nunha estrada do noroeste ibérico”, con interesantes resultados grazas a análise detallada das imaxes obtidas mediante fototrampeo nesta infraestructura, e a súa relación con diversas variables ambientais.
Alejandro Martínez Abraín. Doutor en Bioloxía, membro do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva -GIBE- e, na actualidade, profesor titular da Área de Ecoloxía na Universidade da Coruña. Autor durante anos dunha serie mensual de artigos nomeada “El Detective Ecológico” na coñecida Revista Quercus de información ambiental, así como de outros moitos títulos e artigos científicos, algúns deles centrados en estudos sobre a lontra na contorna do encoro de Cecebre. Titor académico do TFG de Nuria de Castro, foi tamén un dos expertos consultados ao longo do proceso que levaría á implementación deste paso de fauna.
Andrés Pereira Rodríguez. Biólogo e Experto Universitario en Sostibilidade e Innovación Social. Traballou en diversos proxectos de investigación sobre a lontra, vencellado ao Departamento de Zooloxía da Universidade de Salamanca. Xa no seo do G.N.Hábitat participou activamente nas tarefas que levarían ao establecemento e posterior avaliación da efectividade do paso de fauna no encoro de Abegondo-Cecebre.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro sábado 6 de abril, ás 18h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). Para a asistencia e participación presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Agradécese a asistencia do público no local, xa que contaremos coa presenza dos diferentes relatores na xornada. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar libremente ao directo a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.
Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment