Os días 6 e 7 de outubro do 2023 celébrase a XII Limpeza Simultánea de Praias! Esta iniciativa, promovida pol@s compañeir@s da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), ten como obxectivo concienciar sobre a problemática dos residuos nas nosas praias.
Dende o Grupo Naturalista Hábitat aproveitamos a ocasión para desenvolver unha nova xornada de retirada de lixo, no marco do noso programa “Hábitat sen lixo”. O lugar escollido para a limpeza é a praia do Orzán, onde faremos unha batida de recollida do lixo do areal, co posterior análise do mesmo.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o venres 6 de outubro, de 16:30 a 19:30h. Para a participación é imprescindible a inscrición previa a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!


Leave A Comment