O Grupo Naturalista Hábitat, da man do Concello de Coristanco, e un grupo de voluntarios realizou unha limpeza de refugallos na Lagoa de Alcaián, na chamada Poza dos Parrulos, recollendo un contedor de obra completo con electrodomesticos, rodas e semellantes.
O pasado sábado, 16 de setembro, un grupo dunha decena de voluntarios de todas as idades, xuntámonos na lagoa de Alcaián co obxectivo de restaurar no posible a Poza dos Parrulos. Armados con cordas, carretillos, luvas, sacos e capazos, retiramos da auga 32 rodas de coche, 2 lavadoras, 1 conxelador, 1 sofá, 1 somier, un bidé, unha bicicleta, un televisor, tellas, ladrillos, tuberias, botellas e plásticos, moitos plásticos.
Ao cabo de tres horas e media de traballo, este grupo enchera totalmente o contedor e eliminara da poza, se ben non a totalidade do lixo si o máis visible e voluminoso, quedan os restos para outra nova xornada.
Agradecer ao Concello de Coristanco a súa colaboración, tanto na parte burocrática, autorización para a realización da xornada, como por se facer cargo do contedor e dos residuos recollidos, tendo en conta ademais, que coincidíu coa Festa da Pataca o cal multiplica o traballo neste concello.
Esta xornada esta incluída dentro da campaña de promoción dos valores naturais da Lagoa de Alcaián que o Grupo Naturalista Hábitat esta a realizar desde aproximadamente un ano.
Coa colaboración de


Leave A Comment