Velaquí unha nova xornada de ilustración da natureza do Monte da Fraga! Organizada da man da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade da Coruña, a actividade pretende unha aproximación á flora e fauna silvestres a través do debuxo. Guiados polo recoñecido ilustrador da natureza, Calros Silvar*, os participantes terán ocasión de aprender as técnicas e recomendacións básicas para dar os primeiros pasos no mundo da ilustración da natureza, unha fermosa aliada para o coñecemento da nosa biodiversidade.

*Calros Silvar. Ilustrador (1978-2019). Deseñador de produto, Grupo Sargadelos (1981-2010). Especializado en ilustración da natureza, temática na cal traballou para Baía Edicións (colección Baía Verde, de Guías da Natureza de Galicia), A Nosa Terra (autor da colección A Nosa Natureza, entre outras), Siruela e Tundra Ediciones, tendo desenvolvido así mesmo numerosos obradoiros de ilustración da natureza ao longo da súa traxectoria – https://www.behance.net/calrossilvar

A xornada será eminentemente práctica. Todos os participantes poderán facer cadanseus bosquexos, seguindo as instrucións e consellos que serán impartidos. O material necesario para gozar da actividade será posto a disposición pola organización, non sendo preciso que os asistentes se acheguen con máis cousas que ganas de debuxar. Así e todo, quen teña e desexe traer o seu propio material de ilustración, poderá facelo.

De xeito preferente se procurará celebrar a actividade ao aire libre, na coñecida como Praza da Fraga (en fronte da Facultade de Ciencias: ver localización no mapa). Así e todo, no caso de que a previsión meteorolóxica non permita garantir unhas condicións axeitadas para o desenvolvemento da actividade en campo (sen choiva nin fortes ventos), e co obxectivo de non ter que cancelala, a xornada se trasladará ao interior do local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa). Esta circunstancia será debidamente informada vía email aos participantes inscritos na actividade, debendo estar pendentes de calquera notificación/actualización respecto do punto de encontro para o desenvolvemento do taller.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o luns, 25 de setembro, de 16 a 18h. Para a participación na actividade é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat, a través do correo electrónico achegado na inscrición.

A xornada establece un recoñecemento de créditos para estudantes de grao da UDC: 2h (1c por cada 10h de participación en actividades da OMA).

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios: inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Anímate e ven connosco!