Os compañeiros da Asociación Micolóxica Coruñesa (AMC) organizan, neste mes de setembro, uns estupendos obradoiros de cestería, cuxa finalidade non é só aprender a facer cestas (esenciais no eido da micoloxía), senón tamén saír do obradoiro cunha cesta feita ao gusto persoal de cada un! Dende o G.N.Hábitat estamos encantados de colaborar novamente coa AMC, dando cabida no noso local a esta fermosa iniciativa. 

Tal e como indican dende a organización, a actividade durará 5 horas, necesarias para rematar a cesta. O obradoiro correrá a cargo de Carlos Carabel, gran especialista na confección de cestos de deseño moderno, pero baseados en técnicas e formas tradicionais. Él pon os vimbios, varas de diversos materiais e, para facer as asas, as “crechas”. É necesario que tod@s os interesado en participar leven navalla ou coitelo afiado, e/ou tesoiras de podar, lapis e tesoiras normais, tamén se recomendan cordel e luvas de traballo.

A data, será o domingo 24 de setembro, de 9:30 a 14:30h. Só se admiten 8 persoas por obradoiro. De apuntarse máis xente poderá facerse un segundo obradoiro na data do sábado 23 de setembro, de 16:30 a 21:30h. Para a participación é imprescindible a inscrición previa a través dos medios indicados pola AMC. O obradoiro ten un prezo de 45€, material e cesta final incluídos.

Para inscribirse hai que premer o botón “enviar mensaxe” da páxina de Facebook da Asociación Micolóxica Coruñesa, indicando no apartado “Concepto” o teu nome e apelidos e “Obradorio de cestería”, e depositar os 45 € na conta: nº ES48.3070.0044.5163.2228.9726. 

 

No momento no que estean cubertas as prazas do domingo, dende a AMC avisarán de que se abre a posibilidade do sábado. No caso improbable de que non se obteñan prazas suficientes para o sábado, devolveranse os cartos aboados.

O prazo de inscrición remata o día 13 de setembro, ás 12:00h (a.m.), xa que os vimbios e demais materiais deben ser remollados con moita antelación.

Os obradoiros desenvolveranse no local social do G.N.Hábitat: rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña (ver localización no mapa).

Dúbidas e aclaracións ▶ nos contactos da Asociación Micolóxica Coruñesa indicados na súa páxina de Facebook.

Non deixes pasar a oportunidade!