Por quinto ano consecutivo o Concello de Carballo lanza o programa Eu ❤ Razo Baldaio, para continuar co obxectivo de crear hábitos de turismo consciente na contorna litoral, fomentar a participación cidadá e acadar a valorización deste espazo natural protexido. Nesta campaña 2023, ademais do G.N. Hábitat, o programa conta de novo con diversas entidades ambientais compañeiras, como son a Asociación Ambiental Senda Nova, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galica (ADEGA), a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, conformando entre todas unha ampla proposta de actividades.
Presentación oficial da campaña 2023 do proxecto Eu ❤ Razo Baldaio (29/06/2023).
Continuando co espírito e o obxectivo de que canto máis se coñeza máis se respecte, Concello e asociacións levaremos a cabo diversas xornadas divulgativas e de voluntariado ambiental, ao longo dos meses de xullo e agosto do 2023. Un novo bimestre cheo de actividades, nun fermoso marco natural. Todas as accións serán abertas ao público e de balde, así e todo, as prazas estarán limitadas, sendo imprescindible para a participación facer a inscrición previa a través dos formularios online habilitados para cada unha delas.
Toda a información detallada do programa (axenda completa de actividades 2023, cartel, horarios, datas e formularios de inscrición) está dispoñible na web oficial habilitada polo Concello de Carballo…Non deixes de visitala!
O G.N.Hábitat será o encargado de levar a cabo 3 actividades, coas que forneceremos novamente o coñecemento sobre a diversidade de flora e fauna vencellada a este espazo:
Xullo
- Sábado día 8, de 18:30 a 21:30h ▶ Flora e fauna das contornas dunares.
- Mércores día 26, de 22:00 a 01:00h ▶ A noite das avelaiñas.
Agosto
- Mércores día 16, de 10:30 a 13:30h ▶ Iniciación á ornitoloxía.
Na web poderás consultar en detalle todas estas actividades, e descargar un pdf con documentación complementaria en cada unha delas.
Visita a web do proxecto, anótate nas actividades que desexes e…vémonos no campo!
Enche o teu verán de natureza!


Leave A Comment