O Biomaratón de Flora Española (BFE) é un evento de participación cidadá promovido pola Sociedad Española de Botánica (SEBOT), organización que coordina ás principais institucións científicas no eido da Botánica en España. A iniciativa procura que persoas de todo o país saian ao campo a fotografar plantas e gozar da natureza, namentres aprenden sobre a biodiversidade vexetal participando nalgunha das numerosas actividades que as entidades implicadas desenvolven ao longo do territorio nacional. A BFE xorde, en definitiva, da preocupación pola sensación de desconexión coa natureza en xeral, e especialmente polo desleixo da maior parte da sociedade contemporánea cas plantas e a botánica (a denominada “cegueira verde”).
Pero… Que é un Biomaratón? Pois pode resumirse coma unha actividade dirixida á procura de especies, neste caso plantas, en grupo ou individualmente, que serán identificadas (in situ, ou con posterioridade) grazas á axuda e asesoramiento doutros afecionados e expertos.
Logo das dúas primeiras edicións, o BFE convertiuse nun dos maiores eventos de participación cidadá dirixido á recollida de información sobre biodiversidade (bioblitz) celebrado nunca en España. Milleiros de persoas foron quen de aportar multitude de rexistros botánicos, grazas ao uso de plataformas e ferramentas de ciencia cidadá.
A tercera edición deste evento, que se celebrará do 18 ao 21 de maio do 2023, incorpora como novidade a colaboración con InvaPlant, unha iniciativa de ciencia cidadá promovida polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), pensada para a detección e seguimento da flora exótica invasora en España. Eido no que dende o G.N.Hábitat investimos grandes esforzos, da man do voluntariado ambiental.
En definitiva, a Biomaratón de Flora Española se presenta coma unha inmellorable ocasión para achegar a botánica á sociedade, e por primeira vez o G.N.Hábitat súmase co-organizando unha xornada de campo, posible grazas á inestimable colaboración de expertos da Universidade da Coruña. A actividade consistirá nunha andaina pola contorna do Espazo Natural de Interese Local Torre de Hércules, dirixida a localizar, aprender a identificar, reportar a información obtida e sensibilizar á cidadanía sobre a presenza e problemática das especies exóticas invasoras.
Ademais d@s compañeir@s do G.N.Hábitat, os guías de excepción nesta xornada serán a Dra. Elvira Cecilia Sahuquillo Balbuena, a Dra. Rosalía Piñeiro Portela e o Dr. Manuel Pimentel Pereira, todos eles expertos, docentes e investigadores da Área de Botánica da Universidade da Coruña. Da súa man aprederemos todo o necesario sobre flora invasora e o seu impacto na biodiversidade nativa.
E como participo neste Biomaratón? Moi sinxelo. Para a actividade que temos organizada cada participante poderá optar por calquera destas dúas opcións, segundo desexe ser máis ou menos activo na recollida de datos:
- Participación sen aporte de datos para ciencia cidadá: neste caso suporá asistir simplemente á andaina, escoitando e aprendendo das explicacións cos monitores.
- Participación con aporte de datos para ciencia cidadá: neste caso, tal e como establece o propio evento, cada participante deberá rexistrarse previamente no proxecto do III Biomaratón de Flora Española na aplicación iNaturalist, dispoñible para Android e iOS, onde poderá subir fotos das plantas que observe e vencellalos á iniciativa territorial da Biomaratón (neste caso ➡️ Galicia) e facelas dispoñibles para outros usuarios. Sen necesidade de saber inicialmente de que planta se trata, aqueles usuarios con maior experiencia propoñerán de forma participativa a identidade da especie en cada fotografía. Ollo! Lembra activar a localización GPS no teu dispositivo cando fagas a captura de datos para a Biomaratón.
QR á iniciativa territorial (Galicia) do BFE na aplicación iNaturalist
As observacións que se rexistren, e das cales se confirme a súa identidade, se integrarán a unha rede de datos mundial de uso libre (GBIF). Estes datos serán de utilidade en investigaciones científicas, ou para coñecer mellor as especies de flora e os hábitats nos que se atopan. Formando parte dunha Biomaratón todo o mundo convértese en científico!
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro domingo 21 de maio ás 10h (data na que se conmemora o Día Europeo da Rede Natura 2000), e se estenderá, de xeito aproximado, ata ás 12h. Para a participación na xornada é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Nota* Esta nova edición da BFE coincide en tempos co desenvolvemento da Semana sobre Especies Invasoras Portugal e España (SEI 2023), iniciativa que pretende poñer o foco nas nomeadas especies exóticas invasoras, coma unhas das principais causas de perda de biodiversidade a nivel mundial. No marco desta iniciativa o G.N.Hábitat desenvolverá tamén unha actividade o luns, 15 de maio do 2023, ás 20:30h. Poderás ver toda a información desta xornada na seguinte ligazón:
Agardámoste!


Leave A Comment