Mañá sábado 7 de outubro o G.N.Hábitat, da man novamente dos compañeiros de Cooperación Internacional, levaremos a cabo unha nova xornada de Voluntariado Ambiental na contorna máis singular da nosa cidade: a Torre de Hércules. Nesta ocasión estaremos acompañados dos voluntarios de Bankinter, cos que traballaremos na mellora das condicións naturais deste fermoso espazo no que xa levamos tempo implicados, aproveitando para a posta en valor da riqueza da súa biodiversidade.

Esta xornada permitirá facilitar a participación social das empresas a través da coñecido como Responsabilidade Social Corporativa (Voluntariado corporativo), que está a supoñer hoxe día unha magnífica ferramenta grazas a cal as empresas contribúen de xeito activo e voluntario á mellora non soamente  social, senón tamén ambiental da sociedade da que forman parte.

Agardamos de novo poder compartir experiencias, coñecementos e, de seguro, pasar unha estupenda xornada de traballo en equipo en prol da divulgación e conservación do noso patrimonio natural.