Dende Hábitat vimos de presentar un escrito denunciando os feitos detectados no rego do Veneirón, Feáns -A Coruña-, logo de comprobar que a totalidade do treito que discorre polo prado do Centro Veciñal de Feáns foi gravemente alterado mediante a eliminación da vexetación de ribeira e a canalización do mesmo, empregando lousas de granito pulimentado. Así mesmo, o treito anterior do regato sufriu tamén alteracións consistentes na eliminación da vexetación da ribeira e da mesmo canle.
Ponse de manifesto que as zonas alteradas constitúen un hábitat de elevada biodiversidade no contexto do Concello da Coruña, albergando especies de flora como Ranunculus sp., Rorippa nasturtium-aquaticum, Callitriche stagnalis e outros helófitos, así como diversas especies faunísticas de elevado interese e moi sensibles a alteración do hábitat, como son Coenagrion mercuriale, Salamandra salamandra e Bufo spinosus, protexidas pola lexislación vixente.
Os feitos foron postos en coñecemento das autoridades municipais para que puideran facer as comprobacións que fosen precisas, recoñecesen a presenza e importancia dos hábitats descritos e das especies citadas, e adoitasen as medidas de protección necesarias como a paralización inmediata de calquera actuación na zona -de xeito particular, aínda que non exclusivamente- que poida supoñer a alteración en calquera forma de ditos hábitats e poboacións.
O documento achegado foi apiado pola Asociación Cultural e de Desenvolvemento Rural dos usuarios e usuarias das Hortas do Val de Feans e pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).

Leave A Comment