Dentro do programa Hábitat sen Lixo, o martes 13 de outubro do 2026 realizaremos unha xornada de limpeza de residuos mariños co alumnado de 1º da ESO do Colexio Plurilingüe Franciscanos, da Coruña. Nesta actividade participarán alumnos e alumnas, acompañados de docentes, que terán a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos previamente sobre a problemática do lixo mariño e os seus efectos nos ecosistemas costeiros.

A través da recollida de residuos, buscaremos identificar os refugallos que chegan ao litoral, reflexionar sobre a súa orixe e comprender os impactos que poden provocar na flora e na fauna. A xornada servirá tamén para fomentar hábitos máis responsables de consumo e xestión dos residuos, destacando a importancia da prevención para evitar que cheguen ao medio natural.

Ademais de contribuír á conservación da costa, esta experiencia permitirá ao alumnado achegarse ao seu contorno desde unha perspectiva práctica e participativa, tomando conciencia de que as nosas accións cotiás teñen consecuencias sobre a saúde dos mares.

A actividade desenvolveuse no marco da subvención da Deputación da Coruña para actividades ambientais 2026.

Coidar o litoral é unha responsabilidade compartida. Cada pequeno xesto conta para manter os nosos mares e costas libres de lixo!