A duna de Santa Cristina, en Oleiros, experimentou importantes transformacións ao longo das últimas décadas debido á urbanización, á intensa presión humana e á perda de area asociada aos cambios nas correntes mariñas tras a construción de diques. Porén, nos últimos anos obsérvase unha recuperación progresiva da vexetación dunar, que amosa a capacidade deste ecosistema para rexenerarse cando se reducen as presións que o afectan.

Para favorecer esta evolución, organizamos unha xornada de retirada de especies exóticas invasoras detectadas neste espazo natural. A actuación centrarase no mexacán do Cabo (Arctotheca calendula), unha planta de orixe sudafricana capaz de estenderse rapidamente e formar unha cuberta densa que dificulta o crecemento da flora autóctona. Complementariamente, retiraremos algúns pés dispersos de Oenothera sp., un xénero de plantas nativo de Norteamérica.

Será o venres, 16 de outubro, ás 17 h. A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e pola Xunta de Galicia. 

A través desta acción contribuiremos a mellorar o estado de conservación da duna e a favorecer a recuperación da vexetación propia deste hábitat costeiro. Anímate a participar e axúdanos a conservar os ecosistemas dunares!

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014