Spiranthes spiralis é unha pequena orquídea silvestre de flores brancas, dispostas formando unha característica espiral arredor do talo. Florece a finais do verán e durante o outono e pode aparecer en prados, pastos e mesmo en céspedes de parques e xardíns.

Desde o Grupo Naturalista Hábitat queremos coñecer mellor a presenza desta especie en Galicia. Por iso, poñemos en marcha unha campaña piloto de ciencia cidadá para recoller observacións ata o 31 de outubro de 2026.

Para axudarche a recoñecela, podes descargar a nosa infografía en PDF.

 

Cres que atopaches unha?

Participar é moi sinxelo. Se pensas que atopaches Spiranthes spiralis, envíanos a través do formulario unha fotografía, a data da observación e a súa localización.

Non é necesario ter experiencia para participar. Revisaremos as fotografías antes de validar cada cita, polo que todas as observacións poden axudarnos a coñecer mellor a distribución da especie.

Ademais, se observas insectos visitando as súas flores, podes achegar tamén fotografías ou vídeos. Estas observacións poden proporcionar información de interese sobre as relacións da especie cos seus polinizadores.

Observa, fotografía e deixa que siga medrando

Lembra que a mellor forma de axudar é observar sen arrincar nin manipular as plantas e evitar pisar as zonas onde medran.

Tamén é importante non publicar as coordenadas exactas das observacións nas redes sociais, para evitar molestias ou danos nas poboacións.

Cada observación conta. Os datos recollidos axudaranos a localizar poboacións, coñecer mellor os hábitats nos que aparece esta pequena orquídea e identificar oportunidades para o seu seguimento e conservación.

Pode que unha pequena orquídea estea medrando ao teu carón. Axúdanos a descubrila.