Como ben sabes, a primeira fin de semana de outubro se celebra o Día Mundial das Aves, e xunto con outras actividades que levaremos a cabo dende o G.N.Hábitat dirixidas ao coñecemento da nosa avifauna, sumamos a nosa colaboración no proxecto “Sabor a Mar con R” cunha xornada de divulgación sobre a riqueza ornitolóxica da Costa da Morte. E que mellor que facelo da man do amigo e ornitólogo de referencia, José Luis Rabuñal, coñecedor en profundidade e estudoso incansable do esteiro do río Anllóns, onde leva investidos milleiros de horas de censos e observacións. Será un pracer compartir con este -máis que merecido- socio de honra do G.N.Hábitat unha nova actividade a carón das aves, xunto a tódolos interesados en participar.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o sábado, 3 de outubro do 2026.  Comezaremos ás 10h cunha charla a cargo de Rabuñal, que se desenvolverá no Centro de Interpretación Medioambiental e de Recepción de Visitantes do Esteiro do Anllóns (centro emprazado nas instalacións da rehabilitada Capela de Sinde, no concello de Cabana de Bergantiños: ver localización no mapa), logo da cal daremos paso a unha saída de campo pola contorna.

Para a participación é imprescindible a inscrición previa a través do formulario online habilitado polos responsables do proxecto.

Para calquera dúbida ou comentario ao respecto da inscrición e participación, ponte en contacto co equipo de Sabor a Mar con R:

📧 ptcmcostadamorte@gmail.com

📞 609 36 61 30 

Chega a hora de sacar a pasear os prismáticos.

Agardámoste!