O primeiro fin de semana de outubro celébrase a Fin de Semana das Aves, unha iniciativa que busca achegar á sociedade o fascinante mundo das aves e destacar a importancia da súa conservación. 

Con motivo desta celebración, o sábado 3 de outubro organizamos unha xornada de observación de aves na ría do Burgo, na que percorreremos parte da beira da ría para coñecer e identificar as especies que atopemos ao longo do percorrido.

A ría do Burgo é un dos espazos húmidos costeiros máis relevantes da área da Coruña e desempeña un papel fundamental para numerosas aves acuáticas, que a utilizan como zona de alimentación, descanso, paso migratorio ou invernada. Durante o outono, a ría ofrece unha oportunidade especialmente interesante para observar o movemento de aves migratorias e coñecer máis de preto a biodiversidade deste espazo natural.

A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e pola Xunta de Galicia. 

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014

Coñecer o noso litoral é o primeiro paso para protexelo. Agardámoste!