Cando cae a noite, ás veces o mar transfórmase nun espectáculo de luz azulada, un fenómeno coñecido como mar de ardora ou ardentía. Esta sorprendente manifestación da bioluminiscencia é un dos fenómenos máis curiosos que podemos observar no litoral galego.
Para coñecer mellor este fenómeno e comprender que se agocha detrás desa sorprendente iluminación do mar, organizamos o faladoiro divulgativo «Que é o Mar de Ardora?». Ao longo da actividade descubriremos que organismos producen esta bioluminiscencia, por que se produce, en que condicións pode observarse e que importancia ecolóxica ten no medio mariño.
A actividade terá lugar o mércores, 30 de setembro de 2026, ás 18:30 h no Centro Sociocultural A Senra (Bergondo), e está dirixida a calquera persoa interesada na natureza, no litoral galego e na divulgación científica.
A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e pola Xunta de Galicia.
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
Coñecer o noso litoral é o primeiro paso para protexelo. Agardámoste!

Leave A Comment