O vindeiro 23 de maio de 2026 celebrarase en Pontedeume a I Feira de Entidades da Comarca, unha iniciativa impulsada por máis de vinte asociacións co obxectivo de dar a coñecer o tecido asociativo activo no territorio e poñer en valor o traballo das persoas que, día tras día, desenvolven actividades, proxectos, recursos e apoio para a comunidade.

A feira terá lugar entre as 10 e as 14h na Casa da Cultura e nos Xardíns da Alameda de Raxoi (Pontedeume) converténdose nun espazo de encontro aberto á participación veciñal, ao intercambio de experiencias e á colaboración entre colectivos da comarca.

Durante toda a mañá, as persoas asistentes poderán visitar os postos informativos das diferentes entidades participantes, entre as que se atopa o Grupo Naturalista Hábitat, xunto con asociacións culturais, ambientais, veciñais e sociais do Eume e Ferrolterra.

A programación incluirá charlas informativas como a presentación da Rede Galega de Sementes ou o Proxecto Comarcal de Loita contra as Velutinas; obradoiros creativos de realización de mecos, chapas e pegatinas; sorteos e unha xincana infantil titulada “A Procura do Tesouro”, ademais da actuación musical das Cantareiras do Piñeiro nos Xardíns da Alameda.

A xornada contará tamén coa exposición artística “Presenza”, instalada na Casa da Cultura, unha proposta colectiva que invita á reflexión arredor do presente e do encontro entre persoas, arte e comunidade. Ademais, haberá servizo de interpretación en lingua de signos para facilitar a accesibilidade do evento.

A entrada será libre e gratuíta.