No marco da Gran Semana da biodiversidade e da ciencia cidadá celebraremos unha nova xornada dos nosos Encontros Naturalistas, desta volta en colaboración coa Asociación Cultural A Chousa Vella, en Sendelle, Boimorto.

A actividade consistirá nunha pequena ruta interpretativa para descubrir a biodiversidade salvaxe da contorna nun biolostrego (Bioblitz) de ciencia cidadá. Ao longo da mañá faremos observación de aves, flora e outros grupos naturais empregando ferramentas coma eBird, iNaturalist ou ObsMapp, aprendendo a rexistrar observacións e colaborar na xeración de coñecemento sobre a biodiversidade.

Pasearemos por un espazo que aínda conserva interesantes formacións de carballos e castiñeiros, resistentes á crecente eucaliptización dunha zona caracterizada pola paisaxe agrogandeira. Ademais, atoparémonos nunha área singular por situarse no límite noroccidental da distribución de Santolina melidensis, especie endémica galega.

A actividade, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo, 24 de maio de 2026, de 10 a 13h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!