O litoral é un espazo de enorme valor ecolóxico, pero tamén un dos máis afectados pola acumulación de residuos mariños. Tras os temporais do inverno, numerosos restos arrastrados polas correntes chegan ás praias, onde permanecen se non se actúa para retiralos. Estes materiais, en especial os plásticos, supoñen unha ameaza persistente para a biodiversidade costeira.
O vindeiro 28 de febreiro desenvolveremos unha xornada participativa de voluntariado na praia de Mera (Oleiros) orientada á retirada de lixo mariño e á concienciación ambiental. A actividade combinará acción directa sobre o territorio con espazos de aprendizaxe e intercambio, favorecendo unha maior comprensión da problemática e das posibles solucións.
Esta acción forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia.
A participación é de balde e aberta a todos os públicos, desenvolverase o vindeiro sábado, 28 de febreiro do 2026, ás 10:00h, na praia de Mera. Para a participación é imprescindible a previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
A túa colaboración conta. Súmate ao coidado do noso mar!

Leave A Comment