Co paso dos temporais invernais, as praias acumulan unha gran cantidade de residuos procedentes do mar. O lixo mariño representa unha das principais ameazas para o ecosistema litoral: plásticos, cabos, fragmentos de envases e outros materiais afectan seriamente a fauna e flora mariña e, pola acción do vento e das correntes, rematan depositandose na beira.

Nesta xornada de voluntariado na praia de Bastiagueiro (Oleiros) centraremos os esforzos na recollida e caracterización do lixo mariño, coa colaboración de todas aquelas persoas que queiran implicarse activamente no coidado do litoral. Ademais do labor de limpeza, haberá tempo para coñecer mellor esta problemática, intercambiar reflexións e descubrir a biodiversidade presente neste enclave costeiro.

A actividade enmárcase no proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia. 

A participación é de balde e aberta a todos os públicos, desenvolverase o vindeiro sábado, 21 de febreiro do 2026, ás 10:30h, na praia de Bastiagueiro. Para a participación é imprescindible a previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:

 

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org981 135 014

Entre tod@s, seguimos traballando por un litoral máis limpo e saudable!