Os episodios de mal tempo propios do inverno adoitan deixar nas praias unha pegada visible en forma de residuos acumulados. O lixo mariño, composto principalmente por plásticos, aparellos de pesca, cordas e envases, constitúe un serio problema para os ecosistemas costeiros, afectando tanto á fauna como aos hábitats litorais.

Co obxectivo de reducir este impacto, organizamos unha nova xornada de voluntariado na praia de Gandarío (Bergondo), na que convidamos aá cidadanía a participar activamente na retirada de residuos. Será tamén unha oportunidade para comprender mellor a orixe do lixo mariño, analizar a súa presenza no noso litoral e poñer en valor a riqueza natural deste espazo.

Esta acción forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia. 

A participación é de balde e aberta a todos os públicos, desenvolverase o vindeiro domingo, 22 de febreiro do 2026, ás 11:00h, na praia de Gandarío. Para a participación é imprescindible a previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org981 135 014

A túa colaboración conta. Súmate ao coidado do noso mar!