Semana da Luz 2026

Este é o cuarto ano que celebramos a Semana da Luz, unha iniciativa que conmemora dúas datas moi ligadas entre si: o Día Mundial das Zonas Húmidas e o día da Candeloria, ambas o 2 de febreiro. O día da Candeloria trátase dunha festividade con fondas raíces nos ritos pagáns asociados á luz, á fertilidade e aos ciclos naturais. 

A Orixe da Candeloria

Na antigüidade, pobos como os romanos e os celtas celebraban nestas datas rituais vencellados ao lume e á renovación da vida. Nas Lupercais romanas realizábanse procesións nocturnas con candeas acesas, símbolo de protección e fertilidade. En Galicia, estas tradicións fusionáronse coa cultura popular, asociando a Candeloria ao inicio da primavera e ao comezo da tempada reprodutora das aves, algo que quedou reflectido no refraneiro tradicional:

“Pola Candeloria, casan os paxariños e vaise a galiñola.”

“A partir da Candelaria, ningunha ave voa soa.”

Este simbolismo tamén está presente na literatura galega. Luís Amado Carballo, no seu poema “A Candeloria”, retrata a natureza e as aves como protagonistas dun día que anuncia o renacer da vida.

Día Mundial das Zonas Húmidas

Desde 1971, o 2 de febreiro celébrase tamén o Día Mundial das Zonas Húmidas, unha xornada destinada a poñer en valor estes ecosistemas, entre os máis ameazados do planeta pero esenciais para a biodiversidade e o equilibrio ecolóxico. A súa conservación é clave tanto para as aves que regresan nesta época como para o mantemento dos procesos naturais que sosteñen a vida.

 

Semana da Luz 2026

Neste 2026, a Semana da Luz centrarase en accións relacionadas coas aves, as zonas húmidas e a luz das estrelas. Será unha oportunidade para conectar coa natureza, celebrar a chegada da primavera e reflexionar sobre a importancia de protexer e conservar o noso Patrimonio Natural e Cultural.

En todas as accións as prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. Lembrade inscribirvos a través do formulario diferente para cada acción.

Todo o recadado nestas accións destinarase á Custodia do Territorio e á Defensa Ambiental a través do Proxecto Vixías. Con esta iniciativa queremos seguir loitando con máis forza para protexer os nosos espazos naturais e a biodiversidade das constantes perturbacións ás que se ven sometidos.

 

Xoves, 29 de xaneiro do 2026

Contacontos: A vida dos paxariños

Faremos unha actividade para os máis pequenos, para achegarlles a vida das aves a través dos contos. Este contacontos será no noso local social (A Coruña), ás 17:30h, e será orientados a aquelas familias que queiran achegar aos máis pequenos ás aves e como na candelaria celebran o seu amor e comeza a época de cría. 

A actividade será de balde e co apoio de Deputación da Coruña. Esta actividade está dirixida a crianzas de entre 5 a 10 anos

 

 

Sábado, 31 de xaneiro do 2026

Anelamento científico de aves

Da man do Grupo de Anelamento Hércules faremos un Hábitat Protexe de anelamento científico de aves no Estuario do Anllóns en Canaval de Ponteceso (Cabana de Bergantiños) de 9:30 a 12:30h onde poderemos aprender moito das nosas aves da man de aneladores expertos. 

  •  Socios/as G.N. Hábitat:
    • Nenos (menores de 14 anos): 5€
    • Adultos (maiores de 14 anos): 10€
  • Non socios/as G.N. Hábitat:
    • Nenos (menores de 14 anos): 8€
    • Adultos (maiores de 14 anos): 15€

 

Observación de aves en Valdoviño

Neste Hábitat Protexe iremos ata Valdoviño para celebrar o Día Mundial das zonas húmidas da man do noso socio e compañeiro, Xabi Prieto. Estaremos desfrutando das aves de 10:30 a 13:30h, e desfrutando da invernía antes de que chegue a época de cría.

Esta actividade será de balde para os nosos socios e socias e terá un prezo para as persoas non socias.

  • Socios/as G.N. Hábitat: De balde.
  • Non socios/as G.N. Hábitat:
    • Nenos/as (menores de 14 anos): 8€
    • Adultos/as (maiores de 14 anos): 15€

 

Revisión caixas niño de Casa Grande de Xanceda

No ano 2016 colocáronse caixas niño na granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda. Este sábado, de 10:30 a 13:30h, e como facemos cada ano por estas datas, achegarémonos á granxa para revisar e reparar as caixas niño, garantindo que estean en boas condicións de cara á próxima tempada de cría.

Esta actividade será exclusiva para as persoas asociadas ao G.N. Hábitat e permitirá coñecer de primeira man o traballo que a nosa entidade desenvolve neste espazo, un exemplo de convivencia e equilibrio entre a actividade gandeira e a conservación da biodiversidade.

Este obradoiro ambiental ten o apoio de Deputación da Coruña.

 

Fauna nocturna e Estrelas

O sábado, 31 de xaneiro, de 18 a 21:30h, teremos un Hábitat Protexe sobre Fauna nocturna da man do noso Proxecto Noucho e tamén (se o tempo o permite) veremos algunhas das constelacións que brillan agora no ceo. 

Os prezos da actividade son: 

  •  Socios/as G.N. Hábitat:
    • Nenos (menores de 14 anos): 5€
    • Adultos (maiores de 14 anos): 10€
  • Non socios/as G.N. Hábitat:
    • Nenos (menores de 14 anos): 8€
    • Adultos (maiores de 14 anos): 15€

 

Domingo, 1 de febreiro do 2026

Observación de anelas das aves

O anelamento científico require moito esforzo e anos de preparación, que só se explica polo amor incondicional polas aves por parte dos aneladores e aneladores. Nesta Candeloria queríamos poñer en valor todo o traballo que realizan estas persoas ao longo de todo o ano, e durante moitos anos, en favor do coñecemento e da conservación das aves. Un amor que queda simbolicamente selado con cada exemplar coa colocación dunha anela nunha das súas patas. Unha unión eterna entre esa ave e a persoa que a anelou. Cada anela conta esa historia e continúa viaxando polo mund, escribíndoa xunto a outras persoas apaixonadas polas aves.

Así, este domingo, véspera do día da Candelaria e do Día Mundial das zonas húmidas, celebraremos unha actividade exclusiva para os socios e socias do G.N. Hábitat, na que onde percorreremos varias zonas húmidas, como a ría do Burgo e praias, como Sada, para observar aves que leven estas anelas e descubrir as historias que agochan.

A actividade ten o apoio de Deputación da Coruña.

 

 

Luns, 2 de febreiro do 2026

Obradoiro de Caixas niño

O luns, 2 de febreiro do 2026, iremos ata o IES Moncho Valcarce en As Pontes para falar cos alumnos e alumnas do Clube de Ciencias sobre as caixas niño, os diferentes modelos, para qué serven, o mantemento que lles temos que facer e as especies ás que van dirixidas.

A actividade ten o apoio de Deputación da Coruña.

 

Sábado, 7 de febreiro do 2026

Ilustrando parellas de aves: obradoiro de creación de postais

E como peche da Semana da Luz, o sábado 7 de febreiro, de 10:30 a 13:30h, estaremos no noso local social xunto con ALO, nun obradoiro de ilustración de postais inspirado nestas datas tan ligadas ao amor das aves. A través da creatividade e do debuxo, achegarémonos ás especies que, segundo a tradición popular, a partir do 2 de febreiro xa están emparelladas e comezan a voar en parella.

A actividade está orientada a maiores de 12 anos.

A actividade ten un prezo de:

  •  Socios/as G.N. Hábitat:
    • De 12 a 18 anos: 5€
    • Adultos (maiores de 18 anos): 10€
  • Non socios/as G.N. Hábitat:
    • De 12 a 18 anos: 8€
    • Adultos (maiores de 18 anos): 15€

Todos os participantes que sexan confirmados vía email, contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!