Velaquí o noso primeiro obradoiro ambiental do ano! Tratarase dunha xornada práctica e participativa, na que aprenderemos a montar caixas niño para distintas especies de aves.

As caixas niño son un importante recurso para a avifauna, xa que favorecen o establecemento e a reproducción de especies como ferreiriños, lavandeiras, pardais ou rapaces nocturnas que poden atopar dificultades para localizar ocos naturais en hábitats alterados. Deste xeito, favorecemos a conservación das aves e impulsamos o control biolóxico das súas presas, cun impacto positivo na biodiversidade dos ecosistemas. Durante o obradoiro explicaremos tamén aos asistentes o protocolo invernal de revisión, desinfección e mantemento destas estruturas, que se recomenda levar a cabo antes da chegada do Día da Candeloria (2 de febreiro), cando “casan os paxariños”. 

O Grupo Naturalista Hábitat, en colaboración con distintas entidades, ten instaladas  diversas redes de caixas niño e refuxios de fauna por toda a provincia da Coruña. As revisións periódicas permiten obter datos de gran valor que respaldan estudos científicos sobre a distribución das especies reprodutoras.

A xornada, de balde e aberto ao público, terá lugar o domingo, 11 de xaneiro, ás 16:30h, no local social do Grupo Naturalista Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa). Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!