Continuamos coas actividades en Fisteus (Curtis) no marco do proxecto piloto A Liga das Sebes, que ten como obxectivo a recuperación das sebes tradicionais tan características da nosa terra contando coa experiencia e participación da veciñanza de Fisteus.
Por iso organizamos varias reunións abertas, dirixidas principalmente aos habitantes de Fisteus, e tamén a todas aquelas persoas interesadas no proxecto e nas sebes vivas autóctonas.
Terán lugar o vindeiro luns 24 de novembro nos tres locais sociais da parroquia:
- Xabriño (San Roque) – 11:00 h. Ver localización
- A Illana – 13:00 h. Ver localización
- O Igrexario (Fisteus) – 16:00 h. Ver localización
Nelas falaremos de como se desenvolverá a iniciativa A Liga das Sebes, os beneficios que nos aportan estas estruturas vexetais e a súa importancia para os espazos agrícolas. Tamén haberá espazo para que a veciñanza expoña dúbidas e inquedanzas, propoña ideas e intercambie experiencias sobre o uso e manexo das sebes.
Estas reunións forman parte da acción piloto Green InfrasTREEcture for the Landscape, promovida polo Instituto de Estudos do Territorio dentro do proxecto europeo GIFT – Green Infrastructure for Forest and Trees, e contan coa colaboración do Concello de Curtis, da Consellería do Medio Rural e de diferentes entidades locais.
Para que esta iniciativa teña éxito, é fundamental a participación dos habitantes de Fisteus no proceso de restauración destes elementos que durante séculos definiron a paisaxe e a identidade do noso territorio. Se tes unha finca na ZCP de Fisteus, se che interesa a paisaxe rural, ou simplemente queres coñecer mellor o proxecto, agardámoste. A entrada é libre, non fai falta inscripción previa.
🌱 Entre todas e todos faremos da terra un lugar con máis vida.

Leave A Comment