O vindeiro 26 de novembro, o G.N. Hábitat celebrará 45 anos desde a súa fundación, en 1980, por varios dos nosos socios. Con todo, a entidade xa levaba desde 1979 comprometida co estudo e a conservación dos espazos naturais galegos. Para conmemorar este aniversario, gustaríanos compartir con todos os socios e socias unha xornada especial o domingo 30 de novembro.
A actividade estaba inicialmente prevista como unha saída de observación de aves en O Grove, mais, tras as últimas novas sobre a gripe aviaria, decidimos reformular a proposta. Aproveitaremos para visitar diversas zonas que se están a conservar da man de Fragas do Mandeo. Como sabedes, parte das cotas das persoas socias destínase á custodia do territorio, e Fragas do Mandeo é unha das iniciativas principais nas que colaboramos, sendo ademais patronos da fundación. Por iso consideramos especialmente oportuno coñecer de primeira man o traballo que se está a desenvolver neste espazo, acompañados por Fernando Bandín e Xan Neira, compañeiros doutras entidades que integran tamén a fundación, como Rabo do Galo e a Sociedade Galega de Historia Natural.
Finalmente, ás 14:30 h, reunirémonos para un xantar no restaurante La Paz, na Espenuca (Coirós), como parte desta celebración. Co fin de facilitar a organización e respectar o aforo establecido polo restaurante, agradeceremos que confirmedes a vosa asistencia canto antes. O prazo para anotarse ao xantar remata o 26 de novembro ás 14h.
Para calquera dúbida, non dubidedes en escribirnos. Esperamos contar coa vosa presenza nesta xornada que tanto nos ilusiona compartir convosco.
Un cordial saúdo,
A Xunta Directiva

Leave A Comment