Como cada ano por estas datas, desde o Grupo Naturalista Hábitat poñemos en marcha unha nova edición do programa de recollida de citas da vacaloura (Lucanus cervus), tamén coñecida como escornabois, escornapitos, alicornio... Esta iniciativa, aberta á colaboración cidadá, busca mellorar o coñecemento sobre a distribución desta especie emblemática, e ao tempo contribuír á súa conservación.
A vacaloura é un dos escaravellos máis espectaculares da nosa fauna, pero tamén un dos menos observados pola maioría da xente, debido ao seu ciclo vital peculiar e ao estado fragmentado dos seus hábitats. As túas observacións poden axudarnos moito.
Se durante os meses de xuño, xullo ou agosto atopas algún exemplar de vacaloura, podes participar enviando a túa cita a través do seguinte formulario:
Tamén podedes subir as vosas observacións ao noso proxecto en INaturalist ou Observation.
Recollemos tanto citas de exemplares vivos como de restos (como mandíbulas ou alas), e valoramos especialmente as observacións repetidas nun mesmo lugar. Toda a información será analizada co obxectivo de actualizar o mapa de distribución da especie e detectar zonas sensibles ou con potencial para a súa protección.
Agradecemos por adiantado a vosa colaboración. Pequenos xestos como este poden marcar a diferenza na conservación dunha das xoias naturais dos nosos bosques.
Animádevos a compartir as vosas observacións!

Leave A Comment