O  vindeiro mércores celebraremos unha nova xornada dos nosos Encontros Naturalistas no Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Torre de Hércules, cunha actividade centrada na Exploración da Fauna do solo e no impacto da flora invasora”. No marco da celebración do Día Internacional da Conservación do Solo, achegarémonos dun xeito diferente a este espazo natural consolidado como ENIL, ben coñecido polas persoas participantes nas actividades divulgativas e de voluntariado ambiental organizadas polo Grupo Naturalista Hábitat.

Durante a actividade coñeceremos cales son os animais que habitan no solo, e poñeremos en valor a súa importancia ecolóxica para manter a saúde dos ecosistemas. Contaremos coa participación dos investigadores Jonatan Rodríguez Parra e Sergio Rodríguez Roiloa, das Universidades de Santiago de Compostela e Universidade da Coruña, respectivamente, quenes nos mostrarán como a interacción entre solo e planta inflúe na competencia entre especies autóctonas e especies exóticas invasoras de flora. Analizaremos como a uña de gato (Carpobrotus spp.) modifica a comunidade de organismos do solo, comparando zonas invadidas con zonas nas que foi retirada, e zonas que conservan aínda a súa vexetación nativa de matogueira.

Ao longo da andaina pararemos a observar organismos tan fascinantes como colémbolos, isópodose milpés, tendo ocasión para coñecer tamén as funcións doutros organismos microscópicos como bacterias e fungos, que teñen un papel fundamental na descomposición da materia orgánica.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o mércores 9 de xullo do 2025, a partir das 19:00h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Agardámoste!