O sábado 5 de xullo de 2025, de 10 a 14:30 h, celebrarase na sede da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (Abegondo) unha xornada divulgativa centrada no lobo ibérico, co obxectivo de achegar á cidadanía o coñecemento desta especie clave para os nosos ecosistemas.
A actividade contará coa participación de Jesús Criado e Mónica Fernández-Aceytuno, que compartirán a súa experiencia e coñecementos nunha primeira parte dedicada ao estudo do lobo ibérico desde distintos enfoques.
Mónica Fernández-Aceytuno é bióloga e unha das principais divulgadoras ambientais do Estado. Leva desde 1991 escribindo sobre natureza na prensa e recibiu premios como o Nacional de Medio Ambiente, o Jaime de Foxá ou o Brote Comunicación do FICMEC. É columnista en ABC, creadora dos microdocumentais Clips Natura para TVE e outras plataformas, e fundadora do portal aceytuno.com, onde edita o seu Dicionario da Natureza.
Jesús Criado Jesús Criado é naturalista, membro fundador e coordinador do Grupo Lobo Galicia, unha asociación sen ánimo de lucro dedicada á defensa e conservación da biodiversidade en Galicia, con especial atención ao lobo ibérico. Entre as súas actividades destacan a investigación e seguimento etolóxico, a educación e sensibilización social sobre a importancia ecolóxica do lobo e o impulso da súa conservación, promovendo a súa coexistencia coas actividades humanas.
A xornada completarase cun obradoiro de ilustración impartido pola artista ALO, no que afondaremos na morfoloxía do lobo ibérico a través do debuxo e tamén aprenderemos a identificar os seus rastros no medio natural. Será unha actividade práctica e creativa pensada para fomentar a observación e a comprensión deste animal emblemático.
A participación é gratuíta, pero é preciso inscribirse previamente, xa que as prazas son limitadas.
Convidámoste a descubrir, coñecer e valorar a figura do lobo ibérico desde a ciencia, a arte e a conservación.
Dúbidas e comentarios en: inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Leave A Comment