Do 3 ao 11 de maio terá lugar unha nova edición da Semana sobre Especies Invasoras Portugal e España (SEI 2025), iniciativa promovida pola Red Portuguesa para el Estudio y Gestión de Especies Invasoras – Red InvECO , a  plataforma INVASORAS.PT , os proxectos  LIFE STOP Cortaderia  e  LIFE INVASAQUA, e o Grupo Especialista en Invasiones Biológicas, e que se leva a cabo grazas á implicación de numerosas entidades (centros de investigación, ONGs, universidades, e demais institucións públicas e privadas), que en conxunto configuran unha batería de actividades nos formatos online e presencial. 

O programa 2025 pretende novamente poñer o foco nunhas das principais causas de perda de biodiversidade a nivel mundial, e tamén con fortes impactos no sector socioeconómico: as especies exóticas invasoras. Tódalas actividades organizadas polas entidades participantes na SEI 2025 (conferencias, actividades de campo e moitas outras tipoloxías de acción) poden consultarse a través da web oficial, para quen desexe afondar nesta proposta.

 

E por quinto ano consecutivo, dende Hábitat sumámonos a esta ambiciosa iniciativa coa programación dunha nova conferencia, na que resumiremos os sete anos de esforzos investidos no Espazo Natural de Interese Local – ENIL Torre de Hércules, dirixidos á eliminación e control de especies exóticas invasoras (principalmente  do Carpobrotus sp., coñecida como “Uña de gato” ou “Herba do coitelo”). Faremos un novo repaso á orixe deste programa de voluntariado ambiental -establecido en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña-, aos seus obxectivos, a metoloxía aplicada e as actividades desenvolvidas, actualizando así mesmo os resultados obtidos ao longo das campañas 2018-2024, con indicación das tarefas pendentes para a recuperación deste espazo e as liñas de traballo colaborativo que se foron abrindo coa comunidade universitaria. Todo grazas ás tarefas levadas a cabo da man d@s voluntari@s coma ti, imprescindible para acadar os obxectivos previstos.

O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o vindeiro mércores 7 de maio, ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa). Para a asistencia e participación neste formato presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Agradécese a asistencia do público no local. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar libremente ao directo a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.

Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!