O vindeiro sábado, 12 de abril de 2025, celebrarase unha nova edición dos Encontros Naturalistas, unha actividade que busca poñer o foco sobre os problemas que afectan á nosa biodiversidade. Nesta ocasión, abordaremos unha das principais ameazas para os anfibios: os atropelos nas estradas.
A xornada dará comezo ás 20:30h cunha charla titulada “APS Atropelos de Anfibios no Encoro de Abegondo-Cecebre”, a cargo do alumnado do Grao en Bioloxía da Universidade da Coruña. Esta presentación enmárcase nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo (APS) realizado no último trimestre de 2024 dentro da asignatura de Etoloxía, impartida na Facultade de Ciencias.
A charla terá lugar na Sede da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e servirá para dar a coñecer os resultados deste traballo, centrado na análise do impacto do tráfico rodado sobre as poboacións de anfibios no encoro de Abegondo-Cecebre.
Tras a charla, realizaremos unha saída nocturna de observación de anfibios polos concellos de Abegondo e Carral, unha oportunidade para achegarse ao fascinante mundo destes vertebrados e comprender de primeira man os riscos aos que se enfrontan durante os seus desprazamentos estacionais. Nesta actividade contaremos co apoio dos compañeiros da entidade Brexa, Asociación de Custodia do Territorio, quen nos amosará unha zona onde conservan as poboacións de anfibios.
A xornada, de balde e aberta ao público. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado.
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Esta actividade está integrada no Programa de Accións Ambientais 2025 da Deputación da Coruña.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment