Celebramos o Día do Naturalismo Galego cun roteiro aberto e dobremente interpretativo (cultural e ecolóxico) polo curso baixo do río Lérez no concello de Pontevedra. Terá lugar o vindeiro domingo, 9 de marzo do 2025, entre as 09:30h e as 13:30h, e partirá da Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente e rematará en Ponte Bora, percorrendo arredor de 8 quilómetros esencialmente pola beira do río Lérez. Pasarase a carón da casa onde viviu Frei Martín Sarmiento, pai do naturalismo galego, e tamén pola zona da Rede Natura 2000 afectada polo trazado da futurible autovía A-57. Representantes da plataforma “Salva o Lérez. Stop A-57!” recibirannos ao final do roteiro, e alí haberá coches para o traslado de condutores/as ao punto de partida. 

Será de balde e apto para todos os públicos, pero, así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!